1. OBXECTO

O obxecto das presentes bases é regular o réxime de concesión de premios para o Concurso de carrozas e comparsas de Entroido do Concello de Toén, que terá lugar nun desfile que se celebrará o sábado 17 de febreiro de 2024 no pobo de Mugares.

A hora e lugar exacto de comezo do desfile será comunicado oportunamente ás persoas participantes, así coma a súa orde de participación.

2. PERSOAS PARTICIPANTES

Poderá participar calquera persoa física, entidade con personalidade xurídica ou grupo de persoas sen personalidade xurídica.

No suposto de grupo de persoas sen personalidade xurídica, será necesario un acordo de constitución da agrupación, xunto co DNI de todas as persoas integrantes. Neste acordo nomearase a unha/s persoa/s representante/s e detallaranse as persoas que o integran, das que se entenderá que asumen os compromisos de execución e que imputan o importe do premio a partes iguais, de xeito que todas elas adquiren a consideración de beneficiaria.

No caso de que participen persoas menores de idade, será necesario achegar unha autorización asinada polos seus pais/nais ou titores/as.

3. REQUISITOS

Tanto as carrozas coma as comparsas teñen que estar integradas por un mínimo de 8 persoas.

As comparsas poden ir acompañadas de vehículo ou elemento artístico, que será valorado no concurso.

Enténdese como carroza calquera estrutura remolcada por vehículo motorizado ou construída sobre el, cunha decoración especial e cunha elaboración debidamente coidada, cun mínimo de 4 rodas e con capacidade mínima para 6 persoas, e sempre que a organización a cualifique coma tal. As dimensións máximas das carrozas, no seu conxunto total, serán as seguintes:

  • Carrozas ríxidas: alto 3,30 m, longo 7 m, e ancho 2,50 m
  • Carrozas articuladas: alto 3,30 m, longo 9 m e ancho 2,50 m

Todos os vehículos que participen deberán de ter en vigor a póliza de seguro obrigatorio de circulación e a inspección técnica de vehículos, e deberán de levar un extintor homologado e revisado.

Todas as persoas participantes comprométense a responsabilizarse dos actos ou accións que se produzan e eximen ao Concello de Toén de calquera responsabilidade. Queda prohibido o uso de animais vivos, de esprais, de petardos ou de outros elementos pirotécnicos, o lanzamento de obxectos perigosos ao público e inxerir bebidas alcohólicas durante todo o desfile.

4. CRITERIOS DE VALORACIÓN

Os criterios a valorar son os seguintes: o espírito do Entroido (a graza, a empatía co público, a sátira, a transgresión, a retranca….), a animación musical, a creatividade e a orixinalidade, a elaboración do vestiario e o resto dos aderezos, e o número de persoas participantes.

5. FORMA E PRAZO DE INSCRICIÓN O prazo de solicitude de participación remata o mércores 14 de febreiro de 2024, ás 14:00 horas. As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Toén (Rúa Ribadela 1, 32930, Toén) en horario de 8h.30 a 14h.30 horas, de luns a venres, ou no rexistro electrónico da Sede Electrónica do Concello de Toén http://concellodetoen.sedelectronica.es. As solicitudes presentaranse no modelo normalizado que se incorpora como Anexo I destas bases e que estará dispoñible na sede electrónica municipal (http://concellodetoen.sedelectronica.es).

Xunto coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

  • DNI da persoa solicitante.
  • CIF da entidade xurídicasolicitante, xunto co DNI da persoa representante.
  • No caso de grupos de persoas sen personalidade xurídica, acordo de constitución da agrupación (segundo o modelo normalizado que se incorpora como Anexo II destas bases e que estará dispoñible na sede electrónica municipal), xunto co DNI de todas as persoas integrantes.
  • Certificado bancario do número de conta da persoa ou entidade xurídica solicitante. No caso de grupos de persoas sen personalidade xurídica, certificado bancario do número de conta da/s persoa/s representante/s a quen se lle ingresará o importe do premio.
  • Declaración responsable na que se faga constar que non está incursa en prohibición para ser beneficiaria de subvencións (incluída na solicitude).
  • Declaración responsable de que está ao corrente no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT e coa ATRIGA e de Seguridade Social (incluída na solicitude).
  • Compromiso responsable de respectar as normas deste concurso, así como de que as persoas participantes en conxunto se farán cargo de calquera dano ou lesión que poidan provocar durante a celebración do concurso a calquera outra persoa participante ou do público (incluída na solicitude).

A participación neste concurso implica a total aceptación destas bases. O Concello da Toén resérvase o dereito para a captación e difusión das imaxes do concurso para fins de publicidade e promoción en prensa e na páxina web municipal. A utilización das fotos e vídeos estará suxeita exclusivamente a un uso informativo nunca comercial. Coa realización da inscrición as persoas participantes admiten que o organizador poida facer uso da imaxe de todas as persoas participantes en calquera formato, xa sexa gráfico ou dixital, e en todas as súas formas. Todos os dereitos de imaxe pertencen ao organizador (Concello da Toén).

6. PROCEDEMENTO DE SELECCIÓN

Un xurado seleccionará as carrozas ou comparsas premiadas. O xurado estará integrado polas persoas representantes de todas as carrozas e comparsas participantes. Cada unha das persoas integrantes do xurado puntuará de 1 a 10 puntos cada unha das carrozas e comparsas participantes, a excepción da que representa, nun documento que se lle facilitará no momento do desfile e que irá debidamente asinado. Cada carroza e comparsa obterá a puntuación resultante da suma de todos os puntos obtidos das persoas que integran o xurado. As carrozas ou comparsas que reciban a maior puntuación percibirán, sucesivamente, o 1º, 2º e 3º premio, así como o premio específico para carroza/comparsa local (do Concello de Toén). En caso de empate, resolverase en favor da carroza ou comparsa que obtivese o maior número de 10 puntos; se persistise o empate, en favor da que obtivese un maior número de 9 puntos, e así sucesivamente.

A valoración do xurado, que será inapelable, coa puntuación obtida por cada carroza ou comparsa participante, será recollido nunha acta que asinará algunha das persoas integrantes da organización, á que se lle xuntará o documento coa puntuación outorgada por cada persoa integrante do xurado.

O resultado do concurso farase público o mesmo día do desfile no campo da festa de Moreiras, podendo entregarse os premios de xeito meramente simbólico.

Sobre a base da acta que recolla a valoración do xurado, a Alcaldía mediante unha resolución outorgaralles os premios ás persoas gañadoras do concurso con identificación da denominación, CIF/DNI e importe do premio.

O acordo de outorgamento dos premios será obxecto de publicación na sede electrónica municipal (http://concellodetoen.sedelectronica.es) e na Base de Datos Nacional de Subvencións (http://www.infosubvenciones.es), con expresión das persoas beneficiarias e da contía dos premios concedidos.

7. PREMIOS

O importe dos premios será o seguinte:

  • 1º premio: 600,00 €
  • 2º premio: 450,00 €
  • 3º premio: 200,00 €
  • Premio específico para carroza/comparsa local (do Concello de Toén): 400,00 €

Para poder optar ao premio específico para carroza/comparsa local teñen que cumprirse os seguintes requisitos:

  • Solicitante persoa física: estar empadroada no Concello de Toén.
  • Solicitante entidade: ter o domicilio social no Concello de Toén e estar inscrita no Rexistro Municipal de Asociacións do Concello de Toén.
  • Solicitante grupo de persoas sen personalidade xurídica: estar empadroadas no Concello de Toén como mínimo a ½ máis 1 das persoas integrantes da agrupación.

O premio específico para carroza/comparsa local non se pode acumular a calquera dos outros premios, de xeito que será premiada a carroza/comparsa que reciba a maior puntuación unha vez excluídas aquelas que recibisen calquera dos outros premios.

No caso de carrozas, outorgarase unha axuda de 100,00 € a todas as persoas participantes, incluídas a que acaden calquera dos premios, sempre que cumpran cos requisitos establecidos nestas bases. En caso de resultar insuficiente o crédito asignado, procederase ao rateo entre as persoas solicitantes.

Os premios estarán suxeitos ás retencións que se determine pola lexislación tributaria vixente e faranse efectivos ás persoas premiadas mediante transferencia bancaria.

 

Enlace as bases (PDF)