Saco e Arce
Saco e Arce
Obra
- Gramática galega
- Poesías de Don Juan Antonio Saco y Arce
- Literatura popular en Galicia
- Textos para o diccionario de autoridades
Biografía
Juan Antonio Saco Arce, pai da Lingüística galega, naceu en San Martiño de Alongos, pertencente ao concello ourensán de Toén, no ano 1835. De orixe fidalga, realizou en Ourense estudos eclesiásticos e, posteriormente, trasladouse a Compostela para cursar Filosofía e Letras. Tras concluír a súa formación exercería como catedrático de Lingua Grega en diferentes centros de Ensino Medio até se establecer no ano 1863 en Ourense. Aquí, ademais de continuar co labor docente desde a súa cátedra, chegaría a desempeñar o cargo de director no Instituto da cidade.
Saco e Arce é o primeiro especialista que redixiu unha gramática galega. A pesar de ser unha obra hoxe superada, a Gramática Gallega (1868) de Saco e Arce contén unha serie de conceptos con plena vixencia. Na análise do idioma galego, recorrerá, aínda que con desigual acerto, ao método comparatista, introducindo unha grande variedade de referencias a outras linguas: grego, latín, francés, italiano.
O grande esforzo de Saco e Arce por sistematizar os seus coñecementos sobre o galego responderá, como apunta no prólogo da gramática, á necesaria defensa da fala do país perante o menosprezo de que era obxecto na altura. Nestas páxinas preliminares da Gramática Gallega e, anos máis tarde, no prefacio que prepara para Versos en dialecto gallego (1878), de Pérez Ballesteros, animará aínda ao cultivo literario no idioma propio.
Como consecuencia da súa negativa a xurar a Constitución, en 1870 foi dado de baixa na súa praza de profesor. Só tres anos máis tarde, desaparecidos os estudos de grego do ensino secundario, podería reincorporarse á docencia como catedrático de Retórica e Poética.
Para alén da súa faceta de gramático, Saco Arce compilou diversa documentación sobre a nosa literatura, como “Literatura popular de Galicia” ou “Poesía gallega contemporánea. Sus defectos más comunes”. Tamén se dedicará á escrita lírica de temática relixiosa e estilo clásico (“A primavera”, “A Xesús”, “Santa Eufemia”, etc) e traducirá varios poemas do latín. As súas composicións galegas serían recollidas en 1878, xunto con algunhas en español, no volume titulado Poesías de Don Juan Saco y Arce. Tres anos máis tarde o erudito ourensán faleceu na cidade das Burgas.