O conselleiro do Medio Rural participou na xornada de portas abertas nestas instalacións

A XUNTA ENXALZA OS AVANCES NO CENTRO INTEGRAL PARA A LOITA CONTRA O LUME DO MUNICIPIO OURENSÁN DE TOÉN

― José González salientou que xa están practicamente operativos o circuíto de adestramento de bombeiros forestais e a pista para as prácticas de condución de vehículos 4×4 e motobombas

― Seguirase coas actuacións tanto nas edificacións do recinto e na súa contorna como na mellora do equipamento e na dotación dos servizos de prevención de incendios

― Destacou que neste centro tamén se instalará unha aula medioambiental para formar estudantes de toda Galicia e para concienciar á sociedade sobre o traballo dos profesionais antiincendios como defensores do monte

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2022.- O conselleiro do Medio Rural, José González, participou hoxe na xornada de portas abertas aos veciños das parroquias de Moreiras e Trelle celebrada no Centro integral para a loita contra o lume que a Xunta está desenvolvendo no municipio ourensán de Toén, nas instalación do antigo hospital psiquiátrico desta localidade.

O conselleiro, que estivo acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e polo delegado territorial de Xunta en Ourense, Gabriel Alén, puido constatar os avances rexistrados na posta en marcha desta infraestrutura. Así, José González salientou que xa están practicamente operativos o circuíto de adestramento de bombeiros forestais e a pista para as prácticas de condución de vehículos 4×4 e motobombas. En ambos casos executáronse xa as rozas necesarias, así como o movemento de terras e unicamente está pendente a instalación dos os obstáculos e o acondicionado final.

Ao tempo, o conselleiro sinalou que nas edificacións destinadas a formación, que constituirán un auténtico Campus forestal, xa se ten realizada a análise estrutural de aproximadamente o 70% destas instalacións, estando tamén moi avanzados os traballos para proceder ao peche do perímetro do centro.

Traballo do persoal

Nesta visita, José González amosou a súa satisfacción pola boa marcha dos traballos que -indicou- por un lado serven para poñer en valor o traballo do persoal que loita contra o lume en Galicia e por outra parte permiten recuperar unhas instalacións en desuso para o beneficio xeral da sociedade galega.

Neste mesmo sentido, o conselleiro valorou o investimento previsto para este ano, que rolda os catro millóns de euros, e que van permitir a actuación tanto nas edificacións do recinto e na súa contorna como a mellora do equipamento e a dotación dos servizos de prevención de incendios.

Ademais, González destacou que neste centro tamén se instalará unha aula medioambiental para formar estudantes de toda Galicia e para concienciar á sociedade sobre o traballo dos profesionais antiincendios como defensores do monte e, por extensión, da seguridade das persoas e dos seus bens. Salientou, así mesmo, a ordenación, que se vai levar a cabo, de toda a contorna do centro, para convertela nun modelo de multifuncionalidade e biodiversidade forestal. A maiores, contémplase a construción e adecuación dunha rede mellorada e eficiente de puntos de encontro, tanto nas instalacións do persoal, almacéns do material de prevención e extinción coma no que ten que ver coa construción de garaxes para os vehículos.

Compromiso co Servizo

O conselleiro reiterou neste acto o “firme compromiso” da Xunta co Servizo de prevención de incendios forestais de Galicia, unha aposta -trasladou- por un servizo público, profesional e versátil, que se plasma en diferentes medidas. Entre elas citou a ampliación do tempo de traballo do persoal fixo descontinuo, pasando progresivamente dende os tres ata os seis meses ou as melloras permanentes na dotación de equipamentos e medios do Servizo. Nesta liña puxo como exemplo a recente entrega de roupa e botas a preto de 560 profesionais, cun investimento de 1,2 millóns de euros, xunto á renovación do 60% do parque de motobombas e a próxima entrega de 15 novos todoterreos a axentes ambientais.

Outra actuación posta en valor por José González foi a relativa ao Plan de formación do persoal, centrada especialmente na dedicada a mellorar a súa seguridade. Nesta liña, lembrou ademais que a Consellería conta coas achegas dos profesionais do Servizo no proceso de elaboración da futura Lei de loita integral contra os incendios forestais, na que se está traballando, unha norma que -sinalou- “será froito do consenso cos expertos”.

Saúdos do Gabinete de Comunicación da Consellería do Medio Rural.

 

https://we.tl/t-jmS1Uf8XDY?src=dnl nesta ligazón atoparás un video máis  completo.