OBRIGA DE XESTIÓN DE BIOMASA PARA PREVENCIÓN DE INCENDIOS FORESTAIS
A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia dispón que nas redes secundarias de faixas de xestión de biomasa será obrigatorio para as persoas responsables xestionar a biomasa vexetal, de acordo cos criterios estipulados nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento, nunha franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, arredor de edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e parques e instalacións industriais situados a menos de 400 metros do monte e arredor das edificacións illadas en solo rústico situadas a máis de 400 metros do monte. Con carácter xeral, na mesma franxa de 50 metros mencionada non poderá haber árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira, como o eucalipto ou varias variedades de piñeiro, entre outras. Estes requisitos deberán cumprirse antes de que remate o mes de maio de cada ano.
En virtude do que antecede, comunícaselles ás persoas responsables que dispoñen ATA O DÍA 31 DE MAIO para o cumprimento voluntario da súa obriga para xestionar a biomasa nas parcelas afectadas polas redes secundarias de faixas.
En caso de incumprimento transcorrido o devandito prazo, o Concello poderá proceder á execución subsidiaria con repercusión dos custos de xestión da biomasa e, se é o caso, comiso das especies arbóreas prohibidas retiradas pola Administración.
Así mesmo, en caso de incumprimento, o Concello poderá iniciar tamén o correspondente procedemento sancionador.
As faixas secundarias poderán consultarse no VISOR DE FAIXAS facilitado pola Xunta de Galicia na seguinte ruta: https://mapas.xunta.gal/visores/faixas/
Para máis información pode contactar co Concello por teléfono no 988261074 ou por correo electrónico no enderezo concello.toen@eidolocal.es.