Nas últimas semanas estamos recibindo preguntas no Concello respecto a comentarios sobre a posibilidade de que se instale unha nova canteira nos montes da parroquia de Toén.

Esta alcaldía infórmalles que no Concello de Toén non consta ningún expediente relacionado con esta cuestión, e que, aparte das conversas coa directiva da CMVMC de Toén, só ten constancia deste asunto por unha breve reunión coa potencial promotora, sen que estes presentasen ningunha documentación nin solicitude de ningún tipo.

Os terreos que se están a estudar para a súa posible explotación son terreos privados (de particulares e da CMVMC de Toén). Polo tanto corresponde exclusivamente aos propietarios valorar adecuada e detalladamente esa posible proposta industrial. Neste senso, e respectando a súa competencia e liberdade, é crítico que os/as veciños/as teñan en conta especialmente o impacto que esta industria pode ocasionar no noso entorno e na calidade de vida dos/as veciños/as de Toén e do resto do concello.

Do mesmo xeito, en caso de que a proposta fose aceptada pola veciñanza, será responsabilidade do Concello asegurar que o proxecto conte con todas as autorizacións sectoriais (medioambientais, industriais, patrimoniais, etc) e cumpra con todos os requirimentos necesarios para comezar a súa actividade.

O alcalde

Ricardo González Gómez.

Nota Informativa: RESPOSTA ÁS CONSULTAS DA VECIÑANZA SOBRE UNHA POSIBLE CANTEIRA EN TOÉN (PDF)