A violencia contra ás mulleres maniféstase de forma física, sexual e psicolóxica. E unha das violacións dos dereitos humanos máis estendidas, persistentes e devastadoras do mundo actual. Todos os poderes públicos temos o deber de adoptar as medidas necesarias para facer estes dereitos reais e efectivos.

Como cada 25 de Novembro, hoxe conmemórase o Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller. Dita data foi instaurada por primeira vez pola Organización de Nacións Unidas en 1993.

O Concello de Toén reitera un ano máis a súa firme condena de calquera expresión de violencia contra as mulleres, así como todas e cada unha das manifestacións da mesma.

A violencia de Xénero deixa cada ano un elevado regueiro de vítimas (mulleres asasinadas, mulleres maltratadas, cativos e menores de idade orfos, mulleres discriminadas, mulleres que viven con medo e que lastran consecuencias psicolóxicas ou quedan emocionalmente destrozadas). Esta é unha situación dramática que se repite ano tras ano. É absolutamente necesaria a reacción unánime de todos os grupos políticos, identificar esta violencia, recoñecer as súas sinais e rexeitar de forma contundente a quen maltrata, a quen xustifica a violencia e a quen ostenta actitudes que a promoven.

Nunha semana coma esta, queremos lembrar a todas as vítimas deste drama, en especial a Beatriz Lijó de 47 anos, e a Ana Vanesa Serén , de 4 anos. Ambas asasinadas este ano na nosa comunidade polas súas ex parellas.

O compromiso do Concello de Toén é artellar unha resposta global fronte á violencia de xénero en calquera das súas modalidades e consecuencias. Promover unha asistencia integral ás mulleres vítimas, a todas as persoas que estean ao seu cargo, e fortalecer a prevención para avanzar na paulatina redución desta violencia ata a súa completa erradicación.

A eliminación da violencia contra as mulleres é un reto para todos os grupos políticos, unha tarefa conxunta que require unha actuación unitaria e a máxima coordinación, colaboración e cooperación.

Dende o Concello de Toén imos seguir traballando contra todas as formas de violencia de xénero.

A data de hoxe, 25 de novembro, non debemos quedar só na reprobación das condutas violentas. Debemos rexeitar tamén a indiferenza, a pasividade, a ignorancia ou a tolerancia, cómplices desta violencia e que favorecen o mantemento dunha situación de desigualdade e discriminación intolerables nunha sociedade avanzada e democrática como a nosa.

Con convencemento de que este éocamiño aseguir, o Concello de Toén lembra o compromiso asumido de traballar intensamente na colaboración institucional, na concienciación social e na mellora das diferentes medidas e recursos postos en marcha co obxectivo último de desterrar a
violencia de xénero, conseguir a recuperación das vítimas e construír entre todas e todos unha sociedade máis xusta e digna.

Declaración asinada pola corporación do Concello de Toén.

En Toén a 24 de novembro de 2023.