Cortes e microcortes de subministro eléctrico en Toén

O Concello de Toén informa sobre a situación dos cortes e microcortes de subministro eléctrico que están a afectar ao municipio, especialmente en zonas dependentes da liña de media tensión Castrelo 806.

Nas últimas semanas, a Alcaldía mantivo reunións cos responsables de UFD e coa Dirección Xeral de Planificación Enerxética para analizar a situación e esixir solucións.


Análise da situación

  • A maioría dos cortes prolongados rexistrados en 2025 e 2026 producíronse durante episodios de temporal, sendo causados principalmente pola caída de árbores que afectan á liña eléctrica.
  • Moitas destas árbores atópanse en propiedades privadas, pero poden chegar a interferir coa liña.
  • Os microcortes prodúcense de forma automática cando o sistema detecta incidencias (como ramas tocando os cables), restablecéndose o subministro unha vez desaparece o risco.
  • Ao tratarse dunha liña longa, aumenta a probabilidade de incidencias ao longo do trazado.

Plan de acción acordado con UFD

  • Revisión exhaustiva de toda a liña para detectar e corrixir deficiencias.
  • Incremento dos puntos de telecontrol para mellorar a localización das avarías e reducir o número de usuarios afectados.
    Está prevista a instalación de 11 novos puntos, dos cales 6 xa están operativos.
  • Adiantar nun ano o plan de tala e poda ao longo da liña, coa previsión de rematar os traballos no verán deste ano.

Información sobre posibles danos

Segundo os técnicos, os microcortes non adoitan provocar avarías en electrodomésticos. Non obstante, no caso de detectar algún dano tras un corte de subministro, recoméndase realizar a reclamación canto antes á empresa subministradora.

UFD está obrigada a atender e responder todas as reclamacións presentadas polos usuarios.


Compromiso institucional

Dende o Concello agradécese a colaboración da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e de UFD, así como as inversións comprometidas para mellorar o subministro eléctrico no municipio.

Este plan permitirá reducir de forma significativa as incidencias, aínda que se lembra que, especialmente en épocas de temporais, poden seguir producíndose cortes puntuais.

Concello de Toén

Información baseada en bando municipal.