COOPERACIÓN

O apoio da Deputación permite avanzar ao Concello de Toén no proxecto do centro de interpretación do río Miño

”Este proxecto é de provincia, de Galicia. Homenaxeará a unha das nosas grandes realidades”, destaca o presidente provincial, Manuel Baltar

O alcalde Ricardo González valora o compromiso da Deputación de Ourense con Toén: “Grazas a súa colaboración podemos presentar este futuro centro de interpretación”. Situado na parroquia de Puga, aspira a ser un punto de referencia para veciños e visitantes: o espazo conta cun edificio de 450 metros cadrados e unha fermosa carballeira ao carón do Miño

Ourense, 13 de febreiro de 2022.- O impulso da Deputación de Ourense posibilita avanzar no proxecto do centro de interpretación Pai Miño. O apoio económico do goberno provincial permite ao Concello de Toén adquirir unha vivenda de 450 metros cadrados, que será a futura sé do proxecto situada a carón dunha carballeira de 9.000 metros cadrados, adquirida en 2021 polo propio goberno municipal.

“Este proxecto no so é de Toén, é de provincia, e atrévome a dicir de toda Galicia”, sinala o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que resalta o valor específico do Miño: “É un emblema da nosa nacionalidade histórica. E vai ter en Toén, ao carón do propio río, un centro de interpretación, un lugar visitable e pedagóxico. Este espazo homenaxeará a unha das nosas grandes realidades, a riqueza da nosa auga, e singularmente ao noso río estrela”.

O goberno provincial destinou 55.000 euros para a compra desta vivenda, situada na parroquia de Puga. “Estes son os proxectos que prepara Ricardo González -alcalde de Toén-, que eleva o Concello de Toén. E que a Deputación ten a obriga de colaborar e cooperar para que se fagan realidade”, remarca o presidente da Deputación.

O rexedor destaca o apoio do goberno provincial neste proxecto: “Grazas á colaboración e cooperación da Deputación de Ourense, de Manuel Baltar, podemos presentar este futuro centro de interpretación do Pai Miño. Unha iniciativa do Concello que quixemos poñer en valor e presentar a Deputación para render homenaxe ao río máis importante de Galicia, e que non tiña un centro que lle fixera xustiza”. Este espazo nacerá coa vontade de ser un centro de interpretación tanto dos cultivos vitivinícolas na cunca do Miño como das artes de pesca ou a súa biofauna. “Tamén queremos recuperar as barcas tradicionais que cruzaban o río, dende Puga ata Cenlle. Dentro dun proxecto máis amplo, aspiramos a súa posta en valor a nivel turístico e que poidan voltar a ser barcas de tránsito entre as beiras”, avanza Ricardo González.

Un centro de referencia con servizos para os veciños e turistas

O Concello de Toén perfila, co apoio da Deputación, un lugar versátil, con aulas de formación e para conferencias, e tamén cafetería ou restaurante. “Con varias salas de interpretación e a exposición das antigas barcas tradicionais. Con espazo para os produtos derivados do río e a súa conca, fundamentalmente o viño”, detalla o alcalde de Toén, que reivindica este futuro centro de interpretación coma “un punto de de información para calquera persoa que veña ao Ribeiro. E que dende aquí poida ver os museos da Ruta do viño e de toda a provincia. Esperamos que esté integrado na rede de museos de Ourense e que moitos visitantes poidan coñecer Toén e a súa contorna”.

En paralelo, a fermosa carballeira de 9.000 metros cadrados situada entre a vivenda e o río Miño, porase en valor coma espazo de ocio e para a organización de eventos, un lugar complementario ao centro de interpretación. “Estamos enormemente agradecidos co compromiso que ten a Deputación de Ourense con Toén, con proxectos coma este ou o recentemente inaugurado centro de interpretación do Entroido de Mugares”, resume Ricardo González, que quere que o do Pai Miño sexa un centro neurálxico do municipio: “Será un punto de encontro, de referencia, para atraer o turismo e que os veciños, e toda a provincia, poidan gozar aquí”.

A aposta de Toén por crecer mirando ao río Miño

Este futuro centro de interpretación, explican dende o Concello, é un paso máis dentro da estratexia municipal de impulsar Toén mirando cara o río Miño. O municipio tamén acaba de cambiar de ubicación no Xeodestino, integrándose no do Ribeiro -antes estaba no de Ourense-. “É un reforzo máis no noso compromiso co Ribeiro, cos nosos produtores e adegueiros. Queremos poñer en valor o noso viño, reivindicando que, dende Ourense, Toén é a porta do Ribeiro”, sinala o alcalde de Toén, Ricardo González.